lunes, 24 de enero de 2011

Iluso o que pense que postmodernidade é sinónomo de coches voadores.
Postmodernidade é consumo, aquí e agora, e frustración por querelo todo e querelo xa, e non poder telo. É envexa de Belén Esteban. É escribir con faltas de ortografía e sen ningún complexo, porque a quen lle importan esas tonterías. Importa a foto de perfil e o número de amigos en Facebook. Postmodernidade é premiar ao máis idiota, darlle cartos a un analfabeto por botar un polvo debaixo dun edredón mentres o graban as cámaras, e traballar sen cobrar no departamento dunha facultade porque este ano non hai becas. Sentinme moi postmoderna hoxe, facendo a tarxeta do paro. O meu único mérito na vida é unha triste licenciatura. Nunca me prostituín para un xogador do Real Madrid, non me liei con Víctor Janeiro, e non chorei no confesionario cos lentes de sol postos.
Preguntaba o outro día un amigo meu que que se lle dicía a unha persoa de vintecinco anos en paro e sen posibilidades económicas cando afirma non querer saber nada de política. A resposta mordaz que tería levantado a risa, era: Regálalle un Teo, que por algures hai que comezar. Logo, pensei un pouco e xa non quixen rir, non había motivos: Ese é o groso da nosa xente. Con estudos e sen eles, porque se unha cousa aprendín nunha carreira e media é que a Universidade da coñecementos, non cultura.
¿Que é entón a cultura? ¿Onde se merca ese artigo? ¿Depende de ler moitos libros? Non, tampouco. Pero axuda. Unha adolescente que lea a saga Crepúsculo e a de Harry Potter cometerá menos faltas de ortografía que unha non lea nada. Non aprenderá retórica, non construirá unha visión crítica, pero saberá empregar os signos de puntuación. Menos da unha pedra.
A cultura, termo que creo estar empregando francamente mal, polo que en adiante substituireino por vida interior,ven dada pola curiosidade e a capacidade de observación. o ser humano é curioso por natureza, ate ahí imos todos empatados. Ora ben non todos percibimos igual. Quen vai atento ao chan, remata atopando cartos, a min pásame moito. O que vai ao lado di: Que sorte, sempre os atopas ti. Non, querido, non é sorte;  é observar o Mundo que pisas e aproveitar as oportunidades que che brinda. E os cartos son unha minucia en comparación ao que se pode chegar a pasar por alto. Hai quen non se decata de que está só, e quen non se decata de que non ten por que estalo. Hai quen pensa que música é o que soa na radio. Hai quen entra nun bar a tomar café polo simple feito de beber café, sen xornal, sen imaxinar as vidas dos que están na barra. En definitiva, que hai quen vive e hai quen respira. Aposto algo a que se fixeran un estudo, o nivel de felicidade sería moi superior entre os que respiran.
A Teoría da Reproducción, de Bordieu e Passeron, segundo a cal a clase dominante ten unha serie de oportunidades que lle permiten perpetuarse e as clases desfavorecidas perpetuanse por defecto ao carecer de tales oportunidades, segue plenamente vixente, se cadra agora aumentada. Se ben teño cada vez máis claro o enorme cambio no sistema: ¿Quen é neste Pais e neste momento a clase dominante? (Falo de Galiza, por suposto) Supoño que os caciques analfabetos que rexentan os hoteis e restaurantes das zonas de costa e as macroexplotacións gandeiras do interior. eses teñen os cartos, si, e transmítenos, pero mentres que no contexto no que se escribiu esta teoría, eran os fillos da clase dominante os que accedían á mellor formación, hoxe son os que acceden a un Mercedes último modelo e a unha morea de pisos de baixa calidade espallados pola comarca. Os que accedemos a unha boa formación somos case todos. Os Parias Titulados. Nós temos en teoría a formación precisa para educar unha nova xeración en valores modernos e útiles que axuden a erguer o País, temos as ideas e os ideais e a capacidade de transmitilo. O que non temos é a quen, porque ter fillos quédanos tan lonxe como pasear por Marte. Sería irresponsable. Esta idea, non obstante, non cala tan fondo entre os que teñen como principal preocupación o programa de Cantizano, os que respiran, eses reprodúcense e moito, e non queren falar de política, son felices e saltan de subsidio en subsidio coma se fose un xeito normal de vida, e salvo excepcións (Que haberá, non o dubido) plantexaranse á hora do xantar ate que punto afecta á calidade do sistema educativo esta vil imposición do Galego na escola, e calquera outro inimigo imaxinario que os políticos e os medios de comunicación queiran que exista no momento, pero non chegarán nunca a recoñecer o problema real, así lles estea dando na cara día tras día, que é que non hai futuro, non nestas condicións, e que a resposta a unha cagada do PSOE non pode ser un voto ao PP, ten que ser unha revolución, hai que sair á rúa e queixarse, e facelos desaparecer e que coman a merda que nos botaron enriba. Pero ante revelacións deste tipo, o ser que respira encóllese de ombreiros e di "Total pa que" e pide outro cubata que paga co subsidio de desemprego. Ese é o home postmoderno, e non sei ao resto, pero a min non me gusta nada.