lunes, 23 de agosto de 2010

A MULLER EMPARELLADA

A MULLER EMPARELLADA

Porque non iamos ser menos. Vexamos por exemplo a unha tola estándar: sae de luns a luns, con brevísimos descansos cando o corpo non resiste. Fode con todo o fodible e co non fodible tamén cando hai alcol suficiente nas veas. Leva a carreira a rente porque o futuro non existe nin tampouco lle importa nada máis lonxe desta noite. Escarállase de risa a diario, vístese como lle sae de dentro (a maioría das veces coloca un par de trapos en posicións estratéxicas para disimular que vai espida) e bebe ate a auga dos floreiros. Di cinco tacos por frase, berra ao falar, minte de xeito case patolóxico e non sae nada sen carga sexual da súa boca. Un remanso de felicidade, meu.
E un día...queda. A regra de ouro era “só en caso de atoparnos” pero para eso é unha tola, para pasar as regras polo baixo da saia. Por suposto a quedada non é nada formal. Unhas pizzas e moita birra, e unha conversa tan subida de tono que fai falla subir o aire acondicionado do local. E o ambiente está tan caldeado que esa noite saltan chispas, e a seguinte e a seguinte, e comeza a haber mensaxes, de elevada carga sexual con emoticonos intercalándose con cada vez máis frecuentes palabras de cariño. Estas mensaxes, de natureza nocturna e alevosa, etílicas, pegan a virada definitiva cando o mobil zonga ás cinco da tarde, e é EL. Interrumpindo a sesións de cañas cos colegas. Unha persoa racional pegaría cun puño na mesa e diría “ate aquí”, pero falamos dunha tola, polo que sorrí e suspira e di “estou tontita” e marcha cedo para casa a conectarse ao facebook e poñer un par de cancións/indirectas que serán pilladas ao momento e a resposta será un zumbido no messenger e unha longa conversa de tanteo. A tola darase conta ás dúas horas de que lle doen os maxilares de manter ese sorriso estúpido a unha máquina que cobrou vida, e despedirase con moita pena non sen antes ter quedado. E aquí comezan as chamadas. Porque para eso inventou Deus a tarifa plana. A dor de maxilares repítese noite tras noite cada vez máis cedo, e vai convertíndose nun costume o feito de que estas chamadas se fagan incluso á tardiña, ao mediodía...interrumpindo a vida da tola, que xa so sae tres ou caro días á semana e vive pendiente do móbil. É o momento de decidirse: hai que quedar máis a miudo. E as saídas cos amigos fanse intermitentemente coas saidas co rollete, que é o termo que define esta situación. Non é nada serio, non hai exclusividade, pero a tola non levou pra casa a ninguén dende que comezou con toda esta historia. Abraiada e temerosa de perder a súa personalidade e a súa reputación, pode intentalo con calquera, incluso con un que esté moi cachondo, pero non será o mesmo e deixará de intentalo. Xa non está tontita, está namorada. Os colegas din ao unísono ooooooooooooooooh, que liiiiiiiiiiiiiiiiiiinda, ante tal revelación, sen saber (ou sabendo) que é o principio do fin. E acompáñana a Zara a mercar saias de verdade, que tapan incluso os xeonllos, e camisetas de verdade, que impiden que asome o suxeitador por ningún lado, que son o novo look da muller namorada anteriormente coñecida como tola.
E un día, chegando a casa borrachos tras unha cea de verdade e un paseo de verdade (lástima de violíns) EL espétalle “quérote” e ela en vez de sair correndo é a muller máis feliz do mundo e dille “e eu a ti” e teñen unha longa conversa mercantil na que quedan claros os termos desa relación, o que os humanos coñecen como conversa romántica ou “hablar sobre lo nuestro” , taaan longa que ninguén lembra que agora viña o polvo, que ao fin e ao cabo era o que viñan facer.
Pasan os días e a muller namorada non se percata de que a novidade que tiña aos colegas cos ollos facendo chirivitas tornou nun aburrimento supino, que eles queren voltar á súa conversa de sempre sobre o que fixeron onte, e esto por outra parte a ela tenna totalmente sen coidado porque pra iso ten mozo. Así que determina que os colegas son uns plastas e uns inmaduros e que nunca van pasar páxina e que prefire infinitamente botar máis horas coa única persoa que a comprende de verdade e quere falar do mesmo ca ela, iso si, en voz baixa, e sen tacos, ninguén con mozo fala coma unha puta do Pombal. E na conversa mercantil quedou claro que nada de mentiras, así que a conciencia obrígaa a confesar que mentres ía no urbano, o tipo que ía sentado enfrente sorriulle. E a el dóelle tanto coma se lle cravaran vinte puñaladas, aínda que non di nada ben se lle ve na cara. A única solución é que niguén lle volte a sorrir nunca. Así é como a muller namorada comeza a andar pola rúa mirando cara abaixo. Sorprendentemene isto ten moitas vantaxes, xunto co feito de non pasar en estado de embriaguez o 50% do seu tempo, o resultado é un mes enteiro sen caer nin darse uha hostia contra unha parede. A nai da ex-tola está que non caga de contenta porque a nena por fin se comporta coma unha persoae o pai congratúlase polo abrumador incremento nas cualificacións académicas (de 0.5 a 5.0) agora que ten mozo a muller namorada quere ter un futuro brillante e prometedor, e enche os apuntes de corazóns verde fosforito coma se tivera doce anos. Cada suspenso non é un supenso pra ela senón pra eles, agora importa. Con suspensos non hai futuro. Como puidera vivir antes de que aquel sol dourado pasara pola súa porta, pregúntase.
Xa se separan só cando é estrictamente necesario, e ante tal situación, manter dous alugueiros é unha tontería a todas luces. O lóxico e racional é vivir xuntos. E ter can.

2 comentarios:

  1. Igual de bo que o anterior. Esta historia soname máis... bastante máis. Esixo que fagas unha entrada sobre a muller emparellada que volve a ser unha muller tola.

    ResponderEliminar
  2. ti que me queres, pichurri!

    ResponderEliminar