lunes, 30 de agosto de 2010

SUCEDÁNEOS

Intento escribir unhas liñas mentres pretendo que un chicle de nicotina faga o traballo dun pitillo. Evidentemente non funciona. Nunca funciona. É o malo dos sucedáneos, que só serven na teoría. É obvio que non podo ter mono de nicotina neste intre, pero si a ansiedade que me produce non ter unha máquina de facer cancros pendurada do meu labio inferior. O mundo dos sucedáneos...pensemos nunha tortilla de patacas. Aínda a ferver, recén sacada do lume, co ovo escorregando enriba do prato, medio crú. Dourada coma o sol dun día de Xullo. Case podemos notar o colesterol pousándose en cada meandro das nosas arterias, e a quen lle importa se vale a pena morrer por ese intre de gloria. O malo das tortillas é que dan un traballo que nin dios, así que a maioría dos mortais con dous dedos de frente (coa sorte de nacer nun pais desenvolvido) pedimos un pincho e unha caña no bar de abaixo, e lemos o xornal mentres nos deleitamos. Son eses minutos os que lle dan sentido á vida, un pracer sinxelo, barato e universal. ¿Cantos hai con estas características? ¿Cantos praceres diarios están ao alcance de tódalas mans? E ven sanidade e di que non, que a Salmonelosis é unha ameaza latente en cada pincho, que a poboación mundial pode ser aniquilada polos ovos (A miña nai respalda outra teoría sobre a conspiración dos ovos, que non ten nada que ver, pero de seguro lle chegou nunha mensaxe subliminal) e substitúe o ingrediente fundamental por unha substancia sintética á que se da en chamar huevina. Da mestura desta substancia con patacas deshidratadas e posteriormente hidratadas, resulta un subproducto ao que no bar en cuestión (xeralmente aeroportos e estacións de servizo de prezos insultantes) ousan chamar tortilla, sen reparos, que contén a mesma cantidade de graxa, calorías e colesterol que o alimento no que se basea, pero nin rastro do sabor. Enche o oco do estómago, certo. Fai a súa función principal. Pero xa non é pracer nin da sentido a nada.
Cos vicios non funciona así, é moito peor, nin sequera lembro cando foi a última vez que disfrutei de fumar se é que o fixen algunha vez, xa que se quero honrar á verdade o que sinto fumando é alivio da ansiedade que me produce non facelo. E xa o do chicle é cando menos humillante. Coma cos homes, que a falta de tortilla fumo e a falta de tabaco remato cun chicle.

1 comentario: